Wednesday 24 de April de 2024

O Concello de Vimianzo conmemora o Día do Avó cunha homenaxe ás figuras centenarias do municipio


A alcaldesa, Mónica Rodríguez, e a concelleira de Benestar Social, María José Pose, visitaron ás persoas con maior idade de Vimianzo.
O Concello de Vimianzo, a través da área de Benestar, quixo conmemorar o Día do Avó, que se celebrará mañá, 26 de xullo, agasallando ás figuras de dúas das persoas con máis idade do municipio. A alcaldesa, Mónica Rodríguez, e a concelleira de Benestar Social, María José Pose, visitaron ás persoas con maior idade de Vimianzo.
Ela e el son Carmen Miñones Barcia, de Carantoña, e Eulogio Pereira Lema, de Tedín (Vimianzo), ambos centenarios en abril e que tiveron que ‘festexar’ o seu aniversario en plena pandemia mundial. Nacidos no ano 1920, gozan dun perfecto estado de saúde ‘a pesar de todo polo que estamos pasando’, aseguraron, e esperan ‘poder comer un anaquiño de torta sin que nos digan nada polo tema do azúcar’, bromearon. Tanto a alcaldesa como a concelleira lles entregaron un ramo de flores e unha peza conmemorativa deste día tan especial co Castelo de Vimianzo como protagonista.
Desde o Concello, impulsouse tamén unha actividade co Concilia Vimiverán para que a rapazada participante no mesmo redactara e elaborara mensaxes de vídeo aos seus avós e avoas, e que estes tiveran un grato recordo dun día tan especial.
O resultado poderase ver nas redes sociais do Concello de Vimianzo.